Administración & Cidadanía é unha revista con contidos relacionados coa socioloxía e as ciencias políticas. Nela publícanse estudos nos que se analiza a relación entre a política e a Administración desde unha perspectiva multidisciplinar.
Nacida en 2006, pretende ofrecer un novo enfoque sobre a realidade organizativa e xerencial da Administración pública e achegar novas perspectivas ao estudo dos procesos de intervención pública e do seu impacto desde as perspectivas económica, xurídica, política e sociolóxica.
Ao adoptar unha estratexia interdisciplinaria, Administración & Cidadanía contribúe a perfeccionar a acción de goberno, a mellorar a xestión pública e, en consecuencia, a enriquecer a actividade administrativa e a refinar o seu servizo á comunidade. Xa que logo, as persoas con responsabilidades políticas, os cadros directivos e os cadros de persoal públicos, e todas aquelas persoas pertencentes ao ámbito académico preocupadas por modernizar e mellorar a actuación do sector público, por reforzar o seu encaixe na sociedade e facilitar o diálogo entre a cidadanía e a Administración, sitúanse no centro de atención desta publicación.