A Escola Galega de Administración Pública (EGAP) é un centro oficial de docencia e de investigación en todas aquelas materias que foren de interese para o persoal ao servizo da Xunta de Galicia e, de ser o caso, doutras administracións galegas.
Co ánimo de atender mellor os intereses colectivos, é un instrumento de primeira orde para a profesionalización da Función pública e ten o obxectivo final de lle proporcionar á sociedade galega os mellores servizos.
A EGAP naceu ante a necesidade de consolidar e de modernizar a nova Administración xurdida da configuración de Galicia como Comunidade Autónoma. A EGAP foi creada de acordo co Decreto 163/1982, do 1 de decembro, como órgano administrativo sen personalidade xurídica propia. Posteriormente, e de acordo coa Lei 4/1987, do 27 de maio (modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo), a EGAP constitúese nun organismo autónomo de carácter administrativo adscrito á Consellería de Presidencia e Administración Pública, con personalidade xurídica de seu e con plena autonomía funcional para o cumprimento dos seus fins.