Escola Galega de Administración Pública
Mapa web   |   Accesibilidade   |   Contacto
EGAP EGAPFORMACIÓN MULTIMEDIA ACTUALIDADE COÑECEMENTO
PU11020 - Xornadas sobre demografía e desenvolvemento. Claves para unha política de inversión das inercias demográficas en Galicia
Imaxe Curso/Xornada

Achegar información sobre a situación demográfica de Galicia e sobre as posibles actuacións que desde o ámbito das políticas públicas e da sociedade civil se poidan articular sobre o particular. Trátase de realizar unha análise desde a perspectiva comparada, reflexionando sobre a situación actual, con especial énfase no ámbito rural galego e ponderando as posibles liñas de actuación futuras.

DESCARGAR DOCUMENTOS
Edicións
SANTIAGO
Localidade
SANTIAGO DE COMPOSTELA
Inicio
26/10/2011
Fin
28/10/2011
Prazas
300
Programa
Inauguración.
Mércores, 26 de Outubro de 2011.

O panorama demográfico de Galicia en perspectiva política: orixe e causas do problema, enunciado de obxectivos e confección dunha axenda de prioridades.
Mércores, 26 de Outubro de 2011.

 

Galicia é a segunda comunidade autónoma que máis poboación perde. O panorama demográfico está desequilibrado en varios sentidos:

  • Galicia non renova a súa poboación: baixa taxa de natalidade (1,1 fillos/muller) e de fecundidade (retraso da idade na que se ten o primeiro fillo).
  • A poboación de Galicia é vella: aumenta a esperanza de vida e tamén o número de persoas emigradas xubiladas que retornan.
  •  “Galicia nin retén nin atrae”: a poboación nova marcha e a taxa de inmigración é baixa ante a ausencia de perspectivas laborais (xente nova cualificada) e de servizos e condicións de vida que permitan ter fillos (dispersión, servizos públicos, conciliación, etc).

Xosé Luís Barreiro Rivas, Universidade de Santiago de Compostela.

A demografía galega en perspectiva biomédica: descrición, análise e perspectivas.
Mércores, 26 de Outubro de 2011.

Desde unha perspectiva biomédica, o panorama demográfico galego caracterízase por 1)  Estar á cabeza de perda de poboación entre 18 e 30 anos por causa de suicidios, accidentes de tráfico e envenenamentos (perda de xente no grupo de idade máis fértil), e 2) Ter unha elevada esperanza de vida (aumenta un grupo de idade que precisa máis atención sanitaria: os pensionistas xeran o 70% do gasto sanitario). Estes dous elementos están fortemente relacionados co noso sistema sanitario.

Luciano Vidán Martínez, presidente do Colexio Oficial de Médicos da Provincia da Coruña

A demografía galega en perspectiva económica: descrición, análise e perspectivas.
Mércores, 26 de Outubro de 2011.

Hai que cambiar o “concepto de vellez”: eliminar as interepretacións mercantilistas (lonxevidade como carga económica, expulsión do mercado laboral...).

Asemade, o autor propón como solución “unha nova maneira de pensar”, un novo paradigma científico baseado en novas concepcións que nos axuden a modificar a tradicional maneira de conceptualizar a realidade de xeito que envellecer non sexa traumático (física cuántica, Teoría de campos mórficos e mentais (Sheldrake), orde implicada e orde explicada (Bohm), neuroplasticidade do cerebro, epixenética (Lipton), conexión cos outros e armonía coa natureza.

Fausto Dopico Gutiérrez del Arroyo, Universidade de Santiago de Compostela.

Emigración e inmigración en Galicia: análise da mobilidade da poboación e dos seus efectos na sociedade galega.
Mércores, 26 de Outubro de 2011.

Abórdase o cambio contemporáneo das “fronteiras”, desde a perspectiva da metamorfose destas, por canto, fronte á concepción tradicional da fronteira nun sentido clásico como estrutura lineal, estas han de ser concibidas como expresión de intrincados procesos socio-económicos. Así, se ben o discurso oficial sobre as fronteiras europeas alude ao desdebuxamento destas, na realidade as fronteiras en moitos casos atópase resignificadas.

Constátase o efecto da integración europea nos procesos identitarios fronteirizos, por canto os espazos fronteirizos son tamén espazos onde a continuidade se expresa  en clave de construción europea.

Natalia Ribas-Mateos, Universidade da Coruña

Migracións e crecemento demográfico. Visión comparada: Andalucía e Galicia.
Mércores, 26 de Outubro de 2011.

No caso de Galicia, ponse de manifesto como o saldo migratorio durante a primeira década do século permitiu compensar a sangría do saldo vexetativo. O crecemento da poboación inmigrante acelerou o seu ritmo co cambio de século, pasando de pouco máis de 100.000 inmigrantes no ano 2000 a preto de 220.000 a finais de 2010. A poboación inmigrante pasou a representar o 7,8% da poboación total a finais de 2010.

No caso de Andalucía, continúa o crecemento ininterrompido durante o pasado século e compartido por todas as provincias.  Nas últimas décadas, este crecemento foi compartido tanto pola súa poboación nativa, que presenta un saldo vexetativo positivo e levemente crecente ata 2008, como pola súa poboación inmigrante. Esta última experimentou un forte impulso desde principios de século, pasando de pouco máis de 200.000 inmigrantes no ano 2000 a máis de 800.000 a finais de 2010. Este crecemento supuxo o 58% do crecemento total de Andalucía e levou á poboación inmigrante a representar o 10% da poboación total.

A migración, se vén non pode por si mesma solventar o problema do crecemento, contribúe a mitigalo en parte. Non obstante, é preciso resolver todas as problemáticas asociadas coas causas. Ante a converxencia entre as taxas de fecundidade de estranxeiros/as e nativos, suxírese a conveniencia de poñer en marcha políticas centradas na fecundidade.

Diego Constantino López de Lera, Universidade da Coruña.

Os cambios estruturais da poboación nos países europeos. As variables do caso español.
Xoves, 27 de Outubro de 2011.

A proxección elaborada polo INE amosa un escenario caracterizado polo estancamento do crecemento demográfico e, aínda que non se pode cambiar  a tendencia, si que se pode amortecer. As vías de actuación para alimentar a base da pirámide demográfica son: a) Fecundidade e b) Inmigración.

Tense producido un aumento da proporción de mulleres que non teñen ningún fillo, polo tanto é o colectivo obxectivo sobre o que hai que actuar. Por tanto, o obxectivo das políticas debe ser aumentar a fecundidade porque ten un efecto acumulativo, centrada en medidas que permitan “reaxustar o calendario”  e loitar contra o atraso da idade de emancipación, precariedade laboral, atraso da idade na que se ten o primeiro fillo. 

Canto á inmigración, vaticina un escenario futuro no que posiblemente haxa unha competencia por atraer inmigrantes por parte de todos os países occidentais e que coincidirá, asemade, co momento no que os países menos desenvolvidos estarán en plena transición demográfica.

Amand Blanes Llorens, Universitat Autònoma de Barcelona

Estrutura familiar e equilibrio demográfico: a perspectiva esquecida.
Xoves, 27 de Outubro de 2011.

É España un país en vías de extinción? Entre os factores que inflúen no actual panorama demográfico español salienta o descenso da natalidade, e para quen as causas son: a) Retraso do momento no que se ten o primeiro fillo (31 anos de media e a máis baixa de Europa xunto con Gran Bretaña), b) Diminución do número de matrimonios, c) Matrimonios cada vez máis tardíos e d) Insuficiencia das axudas á familia (27 euros por fillo a cargo).

Reclama unha maior presenza da familia nas políticas, cun organismo propio, con máis recursos, pero sobre todo unha política integral de familia, que aborde aspectos educativos, asistenciais, culturais, de conciliación da vida persoal e laboral, etc.

Eduardo Hertfelder de Aldecoa, Instituto de Política Familiar

Os permisos por nacemento e por adopción e a súa aplicación nas políticas de restauración demográfica en Galicia.
Xoves, 27 de Outubro de 2011.

Esta intervención centrouse na análise da relación entre emprego feminino e fecundidade: na actualidade é imposible conciliar un traballo de calidade coa maternidade.

A solución non pasa por que as mulleres deixen de traballar para ter fillos (caso alemán), senón por dar ás mulleres traballadoras a posibilidade ser nais (Alva & Gunner Myrdal, 1934) (caso sueco), porque a medida que melloran as condicións de traballo (diminución dos horarios de traballo, eliminación dos incentivos para que as mulleres quedaran na casa...), aumenta a taxa de fecundidade.

Pero, sobre todo, aposta por unha medida moi concreta para favorecer a calidade das condicións de traballo permisos iguais e intransferibles de nacemento e adopción entre homes e mulleres.

Propón como medidas concretas: a) Paridade no emprego, b) paridade no coidado dos fillos (permisos iguais, intransferibles e pagados ao 100%), c) servizos públicos universais e accesibles de educación infantil e d) redución xeral dos horarios laborais.

María Pazos Morán, Plataforma por Permisos Iguales e Intransferibles de Nacimiento y Adopción

A influencia das condicións laborais da muller na evolución demográfica. O caso de Galicia.
Xoves, 27 de Outubro de 2011.

A situación demográfica de Galicia é moi grave, por iso a nivel parlamentario se está a traballar conxuntamente con todos os grupos políticos nun “Pacto para o rexuvenecemento de Galicia”. Neste tema é fundamental a vontade política, pero sobre todo, unha vontade unificada.

Identifica necesidades moi concretas: 1) labor de sensibilización (non é o primeiro problema para os galegos), 2) dinamización de servizos sociais en torno á familia (problema de dispersión), 3) elaboración de plans estables de fomento e axuda á promoción da natalidade (con independencia dos ciclos políticos), 4) “cambio do paradigma galego” de que “unha boa nai é a que se sacrifica polo seus fillos”, renunciando á esfera laboral.

En definitiva, para atenuar as tensións entre a conciliación da vida laboral e familiar, así como o conflito de roles, é preciso contar coa complicidade do tecido empresarial, en aras de lograr un traballo baixo condicións máis estables e promover un marco legal no que estean de acordo todos os partidos políticos.

Susana López Abella, Secretaría Xeral de Familia e Benestar da Xunta de Galicia

Causas e consecuencias da baixa natalidade. Especial referencia ao caso galego.
Xoves, 27 de Outubro de 2011.

Apelouse á responsabilidade e solidariedade interxeracional e á procura do equilibrio demográfico ou óptimo poboacional.

Ante a situación de “inverno demográfico”, que ten consecuencias económicas, culturais e sociais, faise preciso formar á opinión pública nos principios e valores da responsabilidade social e persoal, da xustiza e a solidariedade interxeneracional.

Para reducir os efectos negativos da escasa natalidade, é preciso dar a coñecer os datos, informar sobre os efectos negativos da escasa natalidade, promover a familia e revalorizar o seu papel, promover a procreación responsable, acadar un compromiso activo a favor da vida humana e loitar contra todo tipo de discriminación cara a muller nai.

Ángel Luis Toledano Ibarra, Seminario Diocesano de Sigüenza-Guadalajara

O problema demográfico de Galicia desde a perspectiva de xénero. Claves para unha política de renovación demográfica.
Xoves, 27 de Outubro de 2011.

Faise preciso reconceptualizar as relacións interxénero no espazo familiar e reorganizar as funcións desempeñadas prioritariamente polas mulleres no contexto familiar, liberando ás mulleres da asunción exclusiva das tarefas e funcións de coidado no campo doméstico. Así, é necesario lograr un cambio identitario que incorpore a orientación do coidado de forma consustancial para o rol de xénero masculino.

As estruturas androcéntricas condicionan a cuestión demográfica e impiden que aumente a natalidade, polo que é preciso transformar as condicións actuais de socialización e educación humana, para o que resulta imprescindible desenvolver unha regulación ao respecto e introducir cambios na educación. É imprescindible que a sociedade valore e recoñeza as funcións tradicionalmente vinculadas á identidade feminina como fundamentais para o funcionamento no seu conxunto.

Rita Maria Radl Philipp, Universidade de Santiago de Compostela

Cara a un modelo ideal de poboación: bases e referencias para unha política demográfica en Galicia.
Venres, 28 de Outubro de 2011.

As causas principais do desequilibrio da situación demográfica galega son: a) desenvolvemento económico galego e b) transformación de valores, como consecuencia da incorporación das mulleres ao mercado laboral, diluíndo a tradicional división do traballo en función do sexo así como a estrutura familiar.

É preciso buscar a reacción da sociedade civil: escasa sensibilidade dos galegos cara ao problema demográfico.

Neste sentido, a acción política debe orientarse cara a tres ámbitos:

  • Educación: transmitir valores que sensibilicen ás futuras xeracións sobre estas cuestións e racionalizar o sistema educativo para adecualo ás necesidades reais de formación (revalorizar o sistema de formación profesional)
  • Económico: favorecer a creación de empresas diluíndo as trabas burocráticas e modificar a fiscalidade para permitir compaxinar vida familiar e traballo.
  • Territorio: racionalizar o espazo (busca de fórmulas de reorganización espacial) e aproveitamento idóneo do campo e do monte.

Rosa Matilde Pascual Monzó, Universidade da Coruña

Declive demográfico en Galicia e territorio: o deseño de políticas públicas nun espazo complexo e heteroxéneo.
Venres, 28 de Outubro de 2011.

A comunidade galega enfróntase actualmente ao declive demográfico, ao escaso crecemento natural e ao avellentamento dunha parte da poboación, pero ademais debe facelo nun contexto territorial heteroxéneo e complexo, derivado do elevado grao de fragmentación municipal e de dispersión dos núcleos de poboación.

A escala municipal, as diferenzas territoriais no proceso de avellentamento explícanse principalmente polo desigual desenvolvemento socioeconómico das últimas décadas. O mapa de avellentamento está estreitamente ligado ao fenómeno demográfico máis relevante da segunda metade do século XX: o éxodo rural. As migracións campo-cidade provocaron o avellentamento de amplas zonas rurais do interior de Galicia.

Desde un punto de vista demográfico, Galicia constitúe un espazo complexo e heteroxéneo, cunhas especificidades que é preciso ter en conta á hora de deseñar o conxunto de políticas públicas, en especial as políticas sociais ou políticas de cohesión -servizos sociais, sanidade, educación, etc.- Un deseño correcto destas, ademais de cumprir cos seus obxectivos tradicionais -cobertura de servizos básicos da poboación-, indirectamente pode contribuír a racionalizar os procesos de reasignación da poboación no territorio.

Alberto Meixide Vecino, Fundación Novacaixagalicia.

Melchor Fernández Fernández, Universidade de Santiago de Compostela.

A resposta ao envellecemento da poboación no marco da Estratexia de Lisboa. Aproximacións ao caso de Galicia.
Venres, 28 de Outubro de 2011.

José Manuel Blanco González, Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea da Xunta de Galicia.

A restauración demográfica de Galicia: unha política entre a necesidade e a utopía.
Venres, 28 de Outubro de 2011.

Resumo e conclusións.
Venres, 28 de Outubro de 2011.

Clausura.
Venres, 28 de Outubro de 2011.

SIGUENOS ...
 
Matrícula
 
AULA VIRTUAL
 
CONTIDOS RELACIONADOS
 
CONTACTO
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a | RSS
Ir a información de Xacobeo 212