O Consello Reitor aproba o plan de formación para 2016
A Escola / Xoves, 14 de Xaneiro de 2016.
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda presidiu hoxe o Consello Reitor da Escola Galega de Administración Pública onde foi presentado o Plan de formación, que ofrecerá aos empregados públicos máis de 23.000 prazas formativas, e as actividades de formación e divulgación abertas á cidadanía.
Esta tarde a directora da Escola Galega de Administración Pública, Sonia Rodríguez-Campos, presentoulle aos membros do Consello Reitor o programa de actividades previsto para este ano. Como principal novidade, o Plan de formación de 2016 diríxese ao persoal de todas as administracións, entes instrumentais e órganos institucionais de Galicia. Isto, unido á posibilidade de convocar cursos específicos vía convenio, así como xornadas e cursos monográficos para a sociedade en xeral, supón ter acadado o principal fin proposto para este mandato: universalizar a formación da EGAP.
O plan de formación presentado hoxe engloba ao persoal da Administración autonómica, da Administración local, da Administración de xustiza, ao persoal de administración e servizos das universidades galegas e ao persoal da Administración institucional e dos entes instrumentais do sector público de Galicia. Para todos eles está prevista durante 2016 a convocatoria de 516 edicións formativas, un 12% máis ca no 2015, e 23.148 prazas, un 10% máis ca no 2015.
Ao igual que en anos anteriores, o persoal de cada administración recibirá unha formación diferenciada e adaptada ás súas necesidades. Así, o persoal da Administración autonómica poderá optar a un programa composto por 360 edicións e 15.867 prazas que fai fincapé en materias lexislativas, idiomas, novas tecnoloxías e habilidades de comunicación e organización do traballo baixo as modalidades presencial, de teleformación e autoformación.
Canto ao persoal de xustiza, o seu programa formativo contempla a convocatoria de 38 edicións e 1.745 prazas, mentres que para o persoal das entidades locais galegas poranse en marcha 53 actividades con 1769 prazas, un número sensiblemente superior ao de 2015. Ademais, para o persoal de administración e servizos das universidades galegas a EGAP convocará 27 edicións formativas e 1.700 prazas. Finalmente, o persoal da Administración institucional e entes instrumentais do sector público de Galicia poderá optar a un total de 38 edicións formativas e 2.067 prazas.
Cursos superiores e de especialización, xornadas e cursos monográficos
A continuación, Sonia Rodríguez-Campos deu conta das actividades de divulgación previstas para 2016 as cales están dirixidas non só aos empregados públicos senón tamén á sociedade en xeral. Isto pon de manifesto a vontade da Escola de universalizar a súa formación, consolidándose como foro de debate sobre aqueles aspectos de actualidade incidentes nas Administracións e na realidade política, social e económica.
Deste xeito, durante este ano está previsto convocar cursos superiores sobre compra pública innovadora, expropiación forzosa, contabilidade pública, xestión de instalacións deportivas ou planificación estratéxica, entre outros.
Esta formación completarase coa posta en marcha de numerosos cursos monográficos e xornadas que abordaran temas como a loita administrativa e xudicial contra o narcotráfico, os medios de comunicación de masas no eido público, as novas leis de procedemento administrativo e réxime xurídico do sector público, a rexeneración democrática e institucional, os fondos europeos ou o cambio climático.