Escola Galega de Administración Pública
Mapa web   |   Accesibilidade   |   Contacto
EGAP EGAPFORMACIÓN MULTIMEDIA ACTUALIDADE COÑECEMENTO
  • Imagen 1 de 7  

    A EGAP e o Club Financiero de Santiago inician a colaboración para realizar actividades conxuntas

    A Escola / Mércores, 26 de Agosto de 2015.

    A directora da Escola Galega de Administración Pública, Sonia Rodríguez-Campos, e o presidente do Club Financeiro de Santiago, Roberto Pereira, asinaron hoxe en Santiago un convenio que lles permitirá establecer fórmulas de colaboración no ámbito formativo, divulgador e investigador.


    Deste xeito, a EGAP cumpre a máxima de actuar de xeito máis eficaz e eficiente na utilización dos medios humanos e organizacionais dos que dispón a Administración, para un mellor cumprimento dos fins de ambas as partes, en beneficio da cidadanía e da sociedade galega.

    No documento asinado esta mañá establécense as modalidades de colaboración previstas, que poderán consistir na programación de cursos, xornadas, seminarios e outras actividades de divulgación; na edición conxunta de libros, documentos de traballo e outras publicacións e na promoción da actividade investigadora de ambas as dúas institucións mediante proxectos de investigación.

    Ademais, este convenio recolle, para o bo desenvolvemento das actividades, o establecemento dunha comisión mixta, de composición paritaria, integrada por representantes de cada unha das institucións ás cales corresponderá a concreción, seguimento, interpretación e avaliación das accións que se leven a cabo.

    A formación a través de convenio
    A EGAP asinou durante 2015 un total de 50 convenios de colaboración con outras entidades, os cales deron lugar á realización dun total de 29 actividades formativas no que vai de ano e á programación doutras 19 para setembro, outubro e novembro.

    Así, nos próximos meses están programados sete cursos do Plan formativo ofimático de Galicia, catro xornadas e dous cursos incluídos no Plan de formación de Atención Temperá, un curso de conservación e explotación de estradas, tres de prevención de riscos laborais, un de perfeccionamento de xefatura de negociado e o Curso superior de técnico de urbanismo.

    A sinatura de convenios permítelle á Escola Galega de Administración Pública xerar sinerxías con outros organismos, tanto públicos como privados, mellorando deste xeito a formación que pode ofrecer aos empregados públicos da Administración galega.

  •   Anterior Seguinte  
    Pax 381 de 1198
SIGUENOS ...
 
Matrícula
 
AULA VIRTUAL
 
CONTIDOS RELACIONADOS
 
CONTACTO
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a | RSS
Ir a información de Xacobeo 212