Escola Galega de Administración Pública
Mapa web   |   Accesibilidade   |   Contacto
EGAP EGAPFORMACIÓN MULTIMEDIA ACTUALIDADE COÑECEMENTO
  • Imagen 1 de 7   Imagen 2 de 7  

    Expertos reunidos na EGAP sinalan o traballo da Xunta na defensa dos dereitos dos consumidores

    Cursos / Martes, 12 de Maio de 2015.

    A Escola Galega de Administración Pública acolleu hoxe o inicio dun curso monográfico no que durante dous días se abordarán a competencia e a protección dos intereses dos consumidores.O obxectivo desta actividade é analizar, dende unha perspectiva teórica e práctica, como a Administración pública pode e debe contribuír a promover a libre competencia nos mercados, a defensa dos consumidores ante prácticas de competencia desleal e a resolución de conflitos de consumo a través de mecanismos de arbitraxe.


    Na inauguración participaron Sonia Rodríguez-Campos, directora da EGAP; Francisco Hernández, presidente do Consello Galego da Competencia; Sol Mª Vázquez, directora xeral de Comercio; e Pablo Fernández, director do curso e profesor titular de Dereito Mercantil na Universidade de Vigo.
     
    Na súa intervención a directora da EGAP amosouse convencida da grande importancia de fomentar a cultura da competencia como alicerce básico para o correcto funcionamento dos mercados. Ademais, quixo resaltar a “consonancia deste curso coas políticas nucleares da Xunta de Galicia” que desde hai tempo aposta por mecanismos de arbitraxe como medio efectivo para resolver conflitos.
     
    Nesta liña Francisco Hernández fixo fincapé na importancia de levar a cabo actividades formativas como este curso monográfico co fin de crear unha cultura da competencia que sirva para protexer os intereses dos consumidores, xa que a interacción entre o consumo e a competencia é cada vez maior. Neste eido Galicia vai ser pioneira xa que o proceso de racionalización administrativa prevé a fusión do Consello Galego da Competencia e do Instituto Galego de Consumo.
     
    Finalmente, Sol Mª Vázquez centrou a súa intervención na importancia da arbitraxe como “mecanismo extraoficial de resolución de conflitos gratuíto, fácil e que desconxestiona a vía xudicial”, salientando o papel da nosa comunidade autónoma como precursora do mecanismo de arbitraxe na problemática das preferentes.
     
    Desenvolvemento do curso
    O curso monográfico “A Administración pública como garante da competencia e dos intereses dos consumidores” reúne en Santiago de Compostela durante dous días a expertos universitarios na protección dos dereitos dos consumidores e da defensa da competencia.
     
    Os relatorios centraranse na arbitraxe de consumo, no papel da Administración autonómica fronte ás prácticas comerciais desleais, na publicidade ilícita, nas perspectivas de futuro do Dereito da competencia e a actuación das administracións públicas na súa defensa, entre outros temas.
  •   Anterior Seguinte  
    Pax 361 de 1198
SIGUENOS ...
 
Matrícula
 
AULA VIRTUAL
 
CONTIDOS RELACIONADOS
 
CONTACTO
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a | RSS
Ir a información de Xacobeo 212