Escola Galega de Administración Pública
Mapa web   |   Accesibilidade   |   Contacto
EGAP EGAPFORMACIÓN MULTIMEDIA ACTUALIDADE COÑECEMENTO
  • Imagen 1 de 7  

    A Xunta potencia a formación sobre financiamento europeo para proxectos deportivos a través dunhas xornadas

    Xornadas / Martes, 1 de Abril de 2014.

    A Escola Galega de Administración Pública acolleu esta tarde unhas xornadas sobre financiamento europeo para proxectos de fomento da actividade física e do deporte coa finalidade de informar ao sector deportivo sobre as diferentes posibilidades de financiamento neste eido e de potenciar a creación de redes de traballo no desenvolvemento de proxectos.


    Á inauguración desta xornada asistiron Sonia Rodríguez-Campos, directora da EGAP, e José Ramón Lete, secretario xeral para o Deporte. Durante o acto a directora da Escola fixo fincapé sobre a importancia deste sector na economía europea ao destacar que o deporte implica, directa ou indirectamente, uns 15 millóns de postos de traballo, o cal significa o 5,4% da poboación activa. Ademais, aproveitou a ocasión para resaltar a influencia das actividades deportivas na ruptura das barreiras sociais e culturais entre a cidadanía ao servir como vínculo de unión e desenvolvemento entre as persoas.

    Pola outra banda, o secretario xeral para o Deporte destacou a sensibilidade da Unión Europea no fomento da actividade física ao presentar un programa Marco que achegará 38 millóns de euros anuais para proxectos transnacionais e que permitirán un maior fomento do deporte. Finalmente, aproveitou para lembrar o traballo que está a levar a cabo a Xunta de Galicia neste eido, especialmente coa posta en marcha hai tres anos do Plan Galicia Saudable, o cal ten como obxectivo inculcarlle á cidadanía un modelo de vida máis activo e saudable.

    As xornadas

    Esta actividade está pensada para achegar información sobre as diferentes posibilidades de financiamento europeo para actuacións no ámbito da actividade física e o deporte aos promotores públicos e privados en Galicia como son os concellos, centros educativos, federacións e clubs deportivos, xestores deportivos e investigadores no ámbito da actividade física, deporte e saúde.

    Durante o seu desenvolvemento analizáronse os diferentes proxectos europeos e súas as posibilidades de financiamento, e ofreceuse información para comezar a participar coa inclusión de redes existentes e apoios para a preparación de propostas.
  •   Anterior Seguinte  
    Pax 252 de 1198
SIGUENOS ...
 
Matrícula
 
AULA VIRTUAL
 
CONTIDOS RELACIONADOS
 
CONTACTO
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a | RSS
Ir a información de Xacobeo 212