Unha carta de servizos constitúe
un instrumento de xestión da calidade que promove un proceso de análise e mellora dos servizos que presta unha organización e cuxos resultados se plasman en documentos divulgativos de acceso público, nos cales se identifican os servizos públicos que presta a organización, os órganos responsables da súa prestación, os dereitos dos usuarios deses servizos, así como os compromisos de calidade aos que se axustará a prestación deses servizos (Decreto 117/2008, do 22 de maio, polo que se regulan as cartas de servizos da Xunta de Galicia, DOG núm. 113, do 12 de xuño de 2008).
Neste marco normativo, a Carta de servizos da EGAP foi cualificada polo órgano competente, a Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa (DXARA), como
carta de servizos “auditada”, isto é, obtivo o máximo nivel de calidade ao que pode optar unha carta de servizos de nova creación (de conformidade co artigo 7º do decreto 117/2008, do 22 de maio). A este respecto, convén destacar que a Carta de servizos da EGAP é a segunda que obtén o nivel de recoñecemento de carta de servizos “auditada” no conxunto da Xunta de Galicia e a primeira que abrangue a totalidade dos servizos prestados por un único organismo, neste caso a EGAP.
A carta de servizos da EGAP ten o recoñecemento do nivel de calidade e o distintivo correspondentes á categoría de Carta de servizos “Auditada”
A Carta de servizos da EGAP inclúe un total de 21 servizos e 43 compromisos de calidade, a través dos cales a EGAP trata de dar resposta ás expectativas dos seus usuarios e usuarias. Recóllense ademais unha serie de dereitos concretos para os usuarios, así como as formas de colaboración coa EGAP na mellora dos servizos e as canles que existen para a presentación das queixas e suxestións, desde a vontade de favorecer a participación. Os indicadores recollidos permiten avaliar o nivel de cumprimento dos compromisos asumidos, por canto a aprobación da carta lle esixe á EGAP levar a cabo un seguimento permanente do nivel de calidade na prestación dos servizos.
Mediante a aprobación da Carta de servizos, que constitúe unha ferramenta para a mellora da xestión, a EGAP suma esforzos na promoción dun modelo de Administración comprometida coa satisfacción das necesidades e expectativas dos usuarios e usuarias, que aposta pola mellora continua e garante a transparencia, a participación e a eficiencia na prestación dos servizos públicos.
O contido desta carta de servizos, así como a norma pola que se aproba e a normativa na que se basea pódense consultar e descargar no seguinte apartado.