Escola Galega de Administración Pública
Xunta de Galicia - Consellería de Presidencia, administración públicas e xustiza
Mapa web   |   Accesibilidade   |   Contacto
EGAP EGAPFORMACIÓN EGAP ABERTA EGAP HOXE EGAP A MÁIS

AVISO E RECOMENDACIÓN: O seu navegador web (Internet Explorer 6) está obsoleto o cal pode provocar que certos elementos se mostren descolocados ou non se carguen correctamente. Ademáis, tampouco poderá ver ben, populares webs como Youtube ou Facebook, entre outras moitas. Recomendámoslle actualizar o seu navegador nos enlaces seguintes:

Internet Explorer Mozilla Firefox Google Chrome Apple Safari Opera

Benvida do Director

  • Pablo Figueroa  

    Formar para servir” resume, en tan só tres palabras, a declaración de principios da Escola Galega de Administración Pública.

    Formar porque somos unha Escola; un centro onde o coñecemento se xera, se transmite e se comparte entre empregados/as públicos/as e cidadanía, e que ofrece a máis completa e actualizada formación. Deste xeito, traballamos para ofrecer unha sólida programación de contidos formativos orientados ao desenvolvemento de competencias técnicas e habilidades persoais, que permita dar unha resposta áxil aos requerimentos de cada posto de traballo, así como satisfacer as demandas da cidadanía e afrontar os retos e desafíos nun contexto globalizado e en constante evolución.

    Servir á cidadanía porque este é o leit motiv da Administración pública. Por iso, a Escola promove a comunicación entre todos os axentes partipantes no proceso formativo e a aposta pola calidade dos seus servizos con medidas orientadas a garantir o máximo rigor e aproveitamento da formación recibida, permitindo consolidar unha “marca EGAP” de calidade.

    Nace así a EGAP 2.0, un novo concepto de aprendixaxe, que pon en valor as achegas individuais, os entornos participativos e colaborativos e que constitúe a nosa contribución máis ambiciosa ao proxecto de modernización e innovación tecnolóxica do Goberno da Xunta Galicia. Un servizo universal e de libre acceso a través da rede, que facilita o acceso a todo o acervo de coñecementos dos que dispón a Escola sen límites temporais nin territoriais.

    O noso compromiso coa modernización e innovación tecnolóxica na Administración pública galega pasa, así mesmo, pola promoción dun sistema de Certificación de Competencias Dixitais, en colaboración coa Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica (SXMIT), que contempla tanto un itinerario formativo para os empregados públicos (Plan Ofimático de Galicia) como probas específicas de libre acceso. Asemade, apostamos polo incremento da oferta formativa en teleformación, que ademais de consolidar unha nova forma de ensino baseada no uso dos medios electrónicos, contribúe á conciliación da vida familiar e laboral. Por último, a Escola intensifica a súa oferta de actividades formativas e divulgativas relacionadas coa e-Administración atendendo ao marco establecido polo Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes (DOG núm. 241, 17/12/2011).

    Todos estes cambios levan implícita unha reformulación da misión formativa da EGAP, de xeito que a Escola se configura como unha “organización do coñecemento” na que o impacto da súa misión formativa, coa axuda das novas tecnoloxías, deixará de ter fronteiras.

    Moitas persoas traballaron e traballan neste proxecto, no que non só se involucrou todo o persoal da Escola senón tamén a SXMIT, e o seu equipo, á que agracedemos a súa sensibilidade á hora de valorar a formación como un piar esencial do proceso modernizador da Administración galega. Así mesmo, agradecemos ao Presidente do Consello Reitor da EGAP e aos seus membros, o apoio amosado para desenvolver este proxecto que poñemos nas mans de toda a cidadanía. A todas eles, grazas por facelo unha realidade.

    Benvidos e benvidas á nova EGAP 2.0., unha EGAP sen límites, unha EGAP que “forma para servir”.

    Pablo Figueroa Dorrego
    Director da EGAP
    Santiago de Compostela, 04 de novembro de 2011
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro Único e Información  |  Suxestións e queixas  |  Aviso legal  |  Atendémolo/a
RSS