A EGAP é un espazo para a análise, a reflexión, o traballo, o debate e a difusión sobre todos aqueles temas que permitan acadar unha Administración moderna e sensible ás esixencias sociais.
Este obxectivo básico concrétase noutros de carácter máis específico, como son:
Desenvolver investigacións científicas de natureza multidisciplinar sobre as Administracións Píblicas e o sector público.
Xerar diferentes tipos de estudos, informes e documentación de soporte que aporte valor engadido á actividade formativa e divulgativadesenvolta pola Escola.
Deseñar e desenvolver proxectos diversos en materia de Calidade, que favorezan a mellora continua no servizo prestado pola Escola.
Deste xeito ofrécense solucións innovadoras que contribúen a reforzar a vontade de servizo público, a orientación ao "cliente", a mellora continua, a avaliación da xestión, a participación do persoal da Escola, a sostibilidade; e ao mesmo tempo, posibilita manter relacións de cooperación e intercambio con outras institucións.
Algúns dos proxectos desenvoltos pola Unidade de Investigación, Avaliación e Calidade son os seguintes:
O Banco de Boas Prácticas na Administración Local (Proxecto Xcelens) configúrase como unha ferramenta para o rexistro e difusión de plans e programas innovadores postos en marcha polos concellos galegos. O proxecto favorece a promoción das iniciativas innovadoras e boas prácticas na Administración local, ao tempo que serve de canle para a comunicación entre os diferentes técnicos municipais. A cualificación de "boa práctica" engade un valor á experiencia, recoñecendo que presenta un carácter excelente. No marco do proxecto da EGAP, unha Boa Práctica é unha actuación impulsada por un Concello, baseada nunha planificación previa, que responde de xeito satisfactorio e innovador a unha problemática propia da Administración. Por calquera das razóns expostas, considérase que esa experiencia pode servir de exemplo a outras Administracións e merece ser difundida.
O traballo desenvólvese en colaboración con Caixanova e ofrece información detallada sobre cada unha das boas prácticas identificadas: descrición, obxectivos, planificación, posta en marcha e resultados obtidos, así como información de contacto do persoal responsable do plan.
Outra das liñas de traballo da Unidade de Investigación da EGAP oriéntase á produción periódica de información sobre a Satisfacción dos Usuarios/as dos Servizos Públicos Galegos (2007, 2008, 2009). A EGAP pon, así pois, a disposición da Administración e da cidadanía en xeral unha ferramenta para a avaliación continua da xestión dos servizos públicos, a partir das valoracións dos seus usuarios/as. A partir do ano 2010 este estudo terá unha periodicidade bianual.